Certificados de profesionalidade

Certificados de profesionalidade: unha acreditación oficial e con validez nacional da túa cualificación profesional

Compártao :

Compartir

Os certificados de profesionalidade acreditan os coñecementos ou as habilidades necesarias para desempeñar o traballo recoñecido por cada unha das cualificacións recollidas no Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais. O seu fin fundamental é facilitar unha acreditación oficial que certifica que a persoa que o posúe ten os coñecementos e as habilidades para desenvolver unha actividade laboral determinada, é dicir, está cualificada.

Os certificados de profesionalidade son un instrumento de acreditación oficial para as cualificacións profesionais, teñen carácter oficial e validez en todo o territorio nacional:

  • Cualifican segundo os requirimentos do mercado laboral
  • Teñen 3 niveis de cualificación profesional
  • A referencia é o Repertorio Nacional de Certificados de Profesionalidade, que está estruturado en 26 familias profesionais coas súas correspondentes áreas profesionais

Como se pode obter un certificado de profesionalidade?

A través das seguintes vías:

Accións formativas

Procedemento de recoñecemento da competencia profesional

A través de procesos formativos xestionados na nosa comunidade autónoma a través da Dirección Xeral de Formación e Colocación da Consellería de Emprego e Igualdade, cuxo contido está explicitamente deseñado nun programa formativo que conduce á obtención dun certificado de profesionalidade:

  • Accións formativas dirixidas prioritariamente a persoas desempregadas
  • Accións formativas dirixidas prioritariamente a persoas ocupadas
  • Programas integrados de emprego, obradoiros de emprego e programas de emprego
  • Contratos para a formación e aprendizaxe

Para obter un certificado de profesionalidade por esta vía da formación teranse que cumprir os seguintes requisitos:

  • Superación de todos os módulos formativos asociados ao certificado de profesionalidade correspondente
  • A entidade de formación que os imparte debe estar debidamente acreditada e autorizado o curso pola Dirección Xeral de Formación e Colocación
  • Que o alumnado teña uns determinados requisitos de acceso á formación de certificados de profesionalidade:
    • Nivel 1: non se lle esixirá requisitos académicos nin profesionais
    • Niveis 2 e 3: só se pode acceder cumprindo certos requisitos académicos, procedendo dende outro Certificado de Profesionalidade (con certas restricións) ou por superación de competencias clave

Tamén pode solicitar un certificado de profesionalidade o alumnado que cursase ensinanzas de formación profesional do sistema educativo en Galicia que supere todos os módulos profesionais asociados ás unidades de competencia que conforman o certificado, máis o módulo de prácticas; agás que teña completado o correspondente título de FP. 

A través dun procedemento específico dirixido ás persoas que xa teñen experiencia ou formación na correspondente cualificación, que nesta Consellería de Emprego e Igualdade xestiona a Subdirección Xeral de Cualificacións, dependente da Dirección Xeral de Formación e Colocación.

Este procedemento componse de varias fases:

  • Inscrición das persoas interesadas, tras o que a Administración comprobará que cumpren os requisitos de experiencia e formación establecidos
  • Fase de asesoramento, que ten como fin axudarlle a poñer en valor os coñecementos e capacidades adquiridos ao longo da vida laboral
  • Fase de avaliación, xeralmente mediante simulacións e entrevistas profesionais
  • Fase de acreditación de cada unidade de competencia superada; de superalas todas obterían o correspondente certificado de profesionalidade

Requisitos de participación

Ter experiencia laboral ou formación relacionada coas competencias profesionais que se queren acreditar:

  • No caso de experiencia laboral. Xustificar, polo menos 3 anos, cun mínimo de 2.000 horas traballadas en total, nos últimos 15 anos transcorridos antes da presentación da solicitude. Os documentos para acreditar esa experiencia laboral serán en termos xerais certificado da Tesourería Xeral da Seguridade Social e copias cotexadas dos contratos de traballo ou certificados de empresa.
  • No caso de formación. Xustificar, polo menos 300 horas, nos últimos 10 anos transcorridos antes da presentación da solicitude.

Máis información sobre o recoñecemento da experiencia profesional

Existen correspondencias, validacións e exencións entre os módulos da FP para o Emprego, a FP Inicial (ciclos de grao medio e superior) e as unidades de competencia acreditadas a través do procedemento de recoñecemento da competencias profesionais, de forma que as persoas poden completar un certificado de profesionalidade a través dunha soa vía ou pola combinación de varias.