Solución de discrepancias na inaplicación de convenios colectivos

Consulte toda a información sobre a solución de discrepancias na inaplicación de convenios colectivos. Comisión Tripartita Galega.

Compártao :

Compartir

Para poder levar a cabo o procedemento establecido no artigo 82.3 do texto refundido do Estatuto dos Traballadores creouse en Galicia a Comisión Tripartita Galega para a Inaplicación de Convenios Colectivos,  para a solución das discrepancias nos procedementos de inaplicación de condicións de traballo dun convenio colectivo cando afecten, unicamente, a centros de traballo situados no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Funcións da comisión:

a) Adoptar o acordo e resolver o conflito suscitado cando, seguindo o procedemento previsto no artigo 82.3 do Estatuto dos Traballadores, concorran na empresa causas económicas, técnicas, organizativas ou de produción, non se chegue a un acordo entre a empresa e a representación das persoas traballadoras para deixar de aplicar as condicións de traballo pactadas en convenios colectivos.

b) Adoptar o acordo de designar a unha persoa que arbitrará sobre como se vai a resolver a discrepancia se a resolución de desacordo se leva a cabo polo procedemento de designación arbitral .

Condicións para acudir á comisión:

Será exixible que concorran, xunto coa discrepancia, as seguintes condicións:

a)  Que non se teña solicitado a intervención da comisión paritaria do convenio ou, no caso de terse solicitado, non se acadase un acordo. Non obstante, será preceptivo solicitar a intervención da comisión paritaria cando así estivese establecido no convenio colectivo.

b) Que non sexan aplicables os procedementos establecidos no Acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflitos de traballo (AGA) ou, de seren aplicables, cando se tivese recorrido a eles sen que se resolvese a discrepancia.

Quen pode solicitar a actuación da Comisión Tripartita Galega:

Estarán lexitimadas para solicitar a actuación da comisión:

a) As empresas que vaian inaplicar as condicións de traballo dun convenio colectivo que afecten un centro de traballo situado no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) A representación legal das persoas traballadoras. Nos supostos de ausencia de re-presentación legal das persoas traballadoras da empresa, estas poderán atribuír a súa representación a unha comisión designada conforme o disposto no artigo 41.4 do Estatuto dos traballadores, integrada por traballadores e traballadoras da propia empresa e elixida por estes democraticamente, ou a unha comisión de igual número de compoñentes desig¬nados segundo a súa representatividade polos sindicatos máis representativos do sector a que pertenza a empresa e que estivesen lexitimados para formar parte da Comisión Nego¬ciadora do convenio colectivo que é de aplicación.

Causas que poden xustificar a inaplicación de convenios colectivos.

a) Causas económicas

Enténdese que concorren causas económicas cando dos resultados da empresa se desprenda unha situación económica negativa, en casos tales como a existencia de perdas actuais ou previstas, ou a diminución persistente do seu nivel de ingresos ordinarios ou vendas. En todo caso, entenderase que a diminución é persistente se durante dous trimestres consecutivos o nivel de ingresos ordinarios ou vendas de cada trimestre é inferior ao rexistrado no mesmo trimestre do ano anterior.

b) Causas técnicas

Enténdese que concorren causas técnicas cando se produzan cambios, entre outros, no ámbito dos medios ou instrumentos de produción.

c) Causas organizativas.

Enténdese que concorren causas organizativas cando se produzan cambios, entre outros, no ámbito dos sistemas e métodos de traballo de persoas ou no modo de organizar a produción.

d) Causas produtivas

Enténdese que concorren causas produtivas cando se produzan cambios, entre outros, na demanda dos produtos ou servizos que a empresa pretende colocar no mercado.

Materias que poden ser obxecto de inaplicación de convenios colectivos

a) Xornada de traballo.
b) Horario e a distribución da xornada.
c) Réxime de traballo a quendas.
d) Sistema de remuneración e contía salarial.
e) Sistema de traballo e rendemento.
f) Funcións, cando excedan dos límites que, para a mobilidade funcional, prevé o artigo 39 do Estatuto dos Traballadores.
g) Melloras voluntarias da acción protectora da Seguridade Social.

Procedemento

Inicio:

a)  Presentación da solicitude

TR861A Resolución de discrepancias en materia de inaplicación de convenios colectivos
 
A presentación das solicitudes deste procedemento realizarase, unicamente, por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es.

Á solicitude xuntarase a documentación que se detalla no artigo 15 do Decreto 101/2015, que se presentará electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal.

Unha vez presentada a solicitude e a documentación, a persoa solicitante deberá entregar unha copia desta á outra parte discrepante.

b) Petición de corrección á parte solicitante

No caso de existiren defectos na solicitude, os servizos administrativos da dirección xeral con competencias en convenios colectivos requirirá a quen presentase a solicitude para que, nun prazo de dez días hábiles, corrixa os defectos ou faltas observadas, con apercibimento de que, de non facelo así, se lle terá por desistido da súa solicitude. Corrixida a solicitude ou a documentación requirida, a persoa que a presentou deberá entregar copia desta á outra parte discrepante.

Tramitación:

a) Petición de alegacións á parte contraria na controversia

TR861B Alegacións á solicitude de resolución de discrepancias en materia de inaplicación de convenios colectivos.

Unha vez completado o expediente, os servizos administrativos da dirección xeral con competencias en convenios colectivos darán vista deste á outra parte, e comunicaranlle o inicio do procedemento para que, no prazo de sete días hábiles, formule as alegacións que considere pertinentes e achegue cantos documentos considere de interese na sede electrónica da Xunta de Galicia.

b) Documentación

Na solicitude deberá identificarse: 

  • A persoa solicitante, o/s centro/s de traballo afectado/s e enderezo de correo electrónico.
  • As persoas representantes dos traballadores e traballadoras afectados/as.
  • O convenio colectivo aplicable vixente do cal se pretenden inaplicar determinadas condicións de traballo.

Deberá incluír:

  • Unha declaración responsable de non ser aplicable, á parte que insta o procedemento, o Acordo Interprofesional Galego sobre Procedementos Extraxudiciais de Solución de Conflitos de Traballo (AGA) ou, de ser aplicable, acreditación de ter sometido a discrepancia a tal procedemento e resultado deste.
  • Unha relación pormenorizada das condicións de traballo do convenio colectivo que se pretenden inaplicar e a súa incardinación entre as materias previstas no artigo 82.3 do Estatuto dos traballadores, detallando as novas condicións de traballo que se queren aplicar e o período durante o cal se pretenden establecer.

Á solicitude deberá xuntarse a seguinte documentación en formato electrónico:

  • Acreditación de terse levado a cabo o período de consultas e, de ser o caso, actas das reunións levadas a cabo e posición da outra parte que dá lugar a discrepancia.
  • No suposto de terse sometido a discrepancia á comisión paritaria do convenio colectivo, acreditación de tal circunstancia e, de ser o caso, pronunciamento desta.
  • Documentación relativa á concorrencia das causas económicas, técnicas, organizativas ou de produción.
  • Acreditación de ter entregado á outra parte discrepante unha copia da solicitude presentada á comisión, xunto coa documentación que se require neste artigo.
  • Número e clasificación profesional das persoas traballadoras afectadas pola inaplicación das condicións de traballo do convenio colectivo en vigor.
  • Conformidade, de ser o caso, das partes discrepantes sobre o procedemento para a solución desta entre os establecidos no artigo 13.3 e, de optar pola designación dun/ha árbitro/a entre persoas expertas imparciais e independentes, de ser o caso, conformidade sobre o seu nomeamento.
  • Información sobre a composición da representación das persoas traballadoras, así como da comisión negociadora, especificando se son representación unitaria ou representación elixida de acordo co artigo 41.4 do Estatuto dos traballadores.

c) Elección do mecanismo de solución da discrepancia

Recibida a solicitude, a comisión reunirase e decidirá, nun prazo máximo de 48 horas e por maioría absoluta dos seus membros, se resolve a dita solicitude de inaplicación do convenio colectivo no seu seo, de modo directo.

Se non fose así, iniciarase o procedemento de designación da persoa que vaia arbitrar.
En todo caso, a discrepancia resolverase mediante procedemento arbitral cando as partes en conflito o soliciten de mutuo acordo.

d) Elaboración do informe

Os servizos administrativos postos a disposición pola dirección xeral competente en materia de convenios colectivos enviarán á Secretaria da Comisión a solicitude recibida e un informe emitido pola devandita dirección xeral.

A Secretaría da Comisión daralle traslado a esta documentación, xunto co resto de documentación e alegacións presentadas, ás persoas integrantes da Comisión e á Dirección Territorial da Inspección de Traballo e Seguridade Social, quen deberá emitir un informe no prazo de 10 días.

e) Decisión ou laudo arbitral

A comisión adoptará a decisión resolutoria e motivada do expediente por consenso e, de non ser posible, adoptarase por maioría absoluta.
Tamén o laudo debe ser motivado.

  • No caso de pronunciamento positivo sobre a concorrencia das causas alegadas, a comisión ou, no seu caso, o árbitro, deberá pronunciarse sobre a pretensión de inaplicación e poderá aceptala nos seus propios termos ou propor a inaplicación destas condicións de traballo en distinto grao de intensidade e, así mesmo, pronunciarase sobre a duración do período de inaplicación desas condicións.
  • No caso de pronunciamento negativo pola non concorrencia das causas alegadas, non se autorizará a inaplicación das condicións laborais pactadas no convenio colectivo.

Tanto a decisión como o laudo deberá comunicarse ás partes afectadas dentro do prazo máximo establecido desde que a solicitude se presentase. Serán vinculantes e inmediatamente executivos, de acordo co que dispón o artigo 91 do Estatuto dos Traballadores, e deberán ser comunicados á autoridade laboral da Comunidade Autónoma de Galicia para o seu depósito, de xeito telemático, a través do programa de rexistro de convenios e acordos colectivos de traballo Regcon.
 
Normativa básica aplicable

  • Artigo 82.3 do Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, do texto refundido do Estatuto dos Traballadores
  • Decreto 101/2015, do 18 de xuño, polo que se crea a Comisión Tripartita Galega para a Inaplicación de Convenios Colectivos e se regula o seu funcionamento.