Unidades de formación en empresas

A  Xunta convoca este ano unha nova edición das Unidades Formativas na Empresa, unha iniciativa coa que financia o 100% da formación que se imparte aos traballadores e ás traballadoras, permitindo atender as demandas reais do tecido produtivo galego. Deste xeito, as terceiras convocatorias dos programas para ocupados/as e desempregados/as contan cun orzamento de 3,5 millóns de euros para formar 2.000 traballadores/as e persoas sen emprego en 160 unidades formativas. Do que se trata con esta medida é de dar resposta aos novos perfís profesionais que están xurdindo do novo modelo económico baseado nas novas tecnoloxías.
 

Compártao :

Compartir

Nas Unidades Formativas na Empresa para desempregados/as investiranse 2 millóns de euros para formar 1.200 parados/as a través de 80 unidades. Doutra banda, para cualificar 800 ocupados/as, destinaranse 1,5 millóns de euros para poñer en marcha 80 cursos.

As bases da terceira convocatoria das dúas iniciativas son similares ás da segunda. No caso do programa para desempregados/as, a actuación inclúe por parte do tecido empresarial un compromiso de contratación de polo menos o 40% dos alumnos e das alumnas que participen na medida, o que implica 480 persoas.

A Xunta, ademais, apoiará as empresas nas contratacións cando superen o compromiso fixado do 40%. Os contratos indefinidos financiaranse con axudas de entre 7.000 e 16.000 euros. As contías máximas outórganse para os colectivos con especiais dificultades para atopar un emprego, como son os/as parados/as de longa duración, persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social, mulleres, maiores de 45 anos e emigrantes retornados/as. Tamén se bonifica con máis apoio nas contratacións cando a empresa está localizada no rural galego.

No caso do programa para ocupados/as, as empresas deben pertencer a algún dos sectores considerados estratéxicos na Axenda Industria 4.0. As áreas máis destacadas son silvicultura, transformación da madeira, fabricación de compoñentes electrónicos e ordenadores, automoción, naval, aeronáutica, fabricación de mobles, edición de programas informáticos e telecomunicacións e actividades relacionadas coa informática.

Trátase do programa de formación á carta que se imparte en empresas máis ambicioso de todo o Estado e que se enmarca na Axenda 20, a folla de ruta coa que o Goberno galego está impulsando o emprego estable e de calidade. Esta iniciativa tamén dá resposta aos obxectivos da Axenda Industria 4.0, que ten como un dos seus retos principais que o sistema formativo se oriente á realidade da industria, é dicir, á revolución tecnolóxica na que está inmerso o tecido produtivo galego. 

 

Contactos relacionados
  • Máis información

    Teléfono: 900 815 333